As afinidades de
Picallo no ideolóxico (socialista) e no persoal (no republicanismo
español) fixeron que se dubidase da súa lealdade nacionalista.
Confesou nunha carta do 1940 “Sigo mantendo dous principios: Galiza
sobre todas as cousas; e despois os meus amigos persoais,
intelectuais e espirituais...". Recoñece o condicionante que
ten no seu ánimo as relacións afectivas, mais deixa clara a súa
prioridade. Vexamos como na xestión das súa rede de amizades e
tamén no plano teórico prima o servizo a Galiza.
Ter un ideario sobre
o modelo social xa fai que se lle asigne á organización estatal que
di posuílo. Mesmo se presenta como incompatíbel coa pertenza a
forzas galegas nas que se convive con persoas de sensibilidade
diferente. Así usase eses idearios como instrumento
desnacionalizador galego ao mesmo tempo que se recruta sen necesidade
de xustificalo a quen os posúe ao servizo do centralismo. O poder,
desde a súa posición dominante adxudícase sempre a si mesmo o
espazo neutro mais nisto, nas realidades plurinacionais, como no
demais, esa neutralidade é unha toma de partido a prol do
hexemónico.
Picallo viña da
militancia socialista e comunista na Arxentina, chegou a través do
republicanismo da ORGA a Galiza, mais veu coa clara intención de
traballar a prol da soberanía para o país. Por iso, cando esta
organización virou cara unha forza estatal e relegou o obxectivo do
autogoberno, el ficou nas filas do Partido Galeguista. Subordinou
calquera outra opinión que o afastase dos seus correlixionarios
nacionalistas ao fin de acadar o poder para a nosa Terra. Deixouno
claro na IV Asemblea do Partido Galeguista no 35, cando polemizou con
Otero Pedrayo sobre o marxismo, ao soster que a pesares el provir
desa corrente ideolóxica e ter esa sensibilidade de esquerdas
consideraba que o Partido non podía definirse por unha soa ideoloxía
por ter que asumir a respresentación de toda unha nación e ser esta
plural, o que non quita que nos confrontos que están a darse no
mundo se vexa na obriga de ter que escoller bando e loxicamente opte
polos oprimidos antes que cos opresores. E é así que no 18 de xullo
toma partido xunto coa España progresista, mais en ningún momento
se dilúe nela, sendo unha das súas preocupacións que se visibilize
a Galiza democrática, e para iso animou publicacións (“Nova
Galiza”) ou mesmo forzas armadas con distintivos propios.
A Suárez Picallo
cóllelle o golpe militar en Madrid e desde o primeiro día ponse a
traballar incesantemente a prol da vitoria antifascista desde
posicións galeguistas. O 20 de xullo, xunto con Castelao, crea as
Milicias Galegas con preto dun millar de paisanos que entran en
combate axiña para frear o avance dos militares contra a capital. Ao
mesmo tempo participa na constitución dunha estrutura provisional de
Dirección do Partido Galeguista no exterior, dada a imposibilidade
deste desenvolverse na Terra, e tamén a Consello Galego de Galeusca
co fin de coordinarse con Vascos e Cataláns a hora de participar na
loita republicana desde a propia perspectiva de defensa dos dereitos
nacionais dos tres países. Isto tería consecuencias na rotura de
relacións preferentes con Izquierda Republicana (ao ficar fora do
seu grupo por apoiar o PG ao Estatuto Vasco) mais tratouse de
establecer lazos con todo o republicanismo español apoiándose
naquelas personalidades máis proclives a comprensión do
nacionalismo. É de subliñar o caso Martínez Barrio (que será
fundamental para a tramitación do Estatuto nas Cortes de Montserrat
logo da manobra dilatoria nas de Valencia para non constituír a
Comisión), mais non houbo ningunha organización do abano
democrático coas que tiveran escrúpulos a colaborar, mesmo a
masonería (que será fundamental para -por exemplo- atopar o
Estatuto Galego perdido en Madrid).
Botase man das
relacións persoais tamén cos afíns. Compre lembrar que os
galeguistas, xa instalados en Barcelona coa sede do Partido e do
Consello de Galeusca, tamén atoparon un trato diferente do
nacionalismo Vasco e Catalán segundo con que personalidade trataran.
Irujo chibábase a Largo Caballero das xestións que estaba a facer
Castelao diante dos seus “amigos” no goberno Vasco cara promover
un desembarco na Galiza, e na Generalidat é Companys en persoa xunto
con Miratvilles quen finalmente porá o aparello de propaganda do seu
goberno e un local ao servizo dos Galeguistas, fronte a actitude dun
Tarradellas ou mesmo Pi y Sunyer que lle dan largas.
Fálase das
relacións fraternas de Picallo cos anarquistas na fronte de Aragón
que lle levarán a aliñarse con eles e mesmo se lle imputa a esta
época ingresar no anticomunismo, mais serán precisamente os
comunistas quen logre enviar a Castelao de xira de propaganda a prol
da República a América tal como demandaban os galeguistas.
Picallo asume en
Barcelona a Secretaría Xeral do PG e, cando se vai Castelao a Unión
Soviética, é el quen presidirá o partido. Certo que logo da guerra
se produce un enfrontamento con Castelao que desemboca mesmo no
insulto cruel. Ambos os dous tiñan unha posición diferente a
respecto dos bandos nos que se dividiron os republicanos españois
derrotados. Suárez Picallo asina o manifesto da Junta Española de
Liberación (JEL) de Prieto mentres Castelao non está disposto a
unir a causa galega a ningún dos pleiteantes españois que
disputaban a herdanza do réxime democrático. Mais será Picallo
quen poña a Prieto no seu sitio nas Cortes de México cando este
tentou, máis unha vez, facer descarrilar o Estatuto Galego.
A guerra afectou
moito o ánimo de Picallo, sobre todo o asasinato do seu irmá que
lle pesará coma unha lousa toda a súa vida. Durante a guerra fixo
amigos e inimigos propios de situacións extremas e circunstancias
terríbeis. O certo é que a fractura na esquerda española era tal
que as veces o máis mínimo xesto xa era motivo de reproche por
estar ao servizo dunha ou outra facción. Lembremos como o propio
Castelao non puido librarse diso ao acusárselle de “piltrafa
comunista” polas súas relacións cordiais co PCE. Mais Picallo, ao
igual que Castelao, por enriba de todo estiveron ao servizo de Galiza
sen que iso lles implicara renegar das súas conviccións.
O que se puxo
imposíbel era ser leal a Galiza e ao mesmo tempo militar nas forzas
estatais. Soto, Elpidio Villaverde, Marcial Fernández e outros
acabaron abandonando a obediencia a forzas alleas para apoiar a causa
galega. Nada que ver con outros, sobre todo no PSOE co Manuel Cordero
que nas Cortes de Montserrat foi un dos argallantes contra o Estatuto
Galego, ou Pedro Longueira, quen en México foi o galego deste
partido encargado de facer ese papel.
Suárez Picallo,
lembrou en Mexico a súa colaboración con Quintanilla e outros
militantes do PSOE nos mitins pro Estatuto, mesmo apelou ao seu
activismo sindicalista e a súa sensibilidade de esquerdas, mais coa
pretensión de desbaratar a manobra deste partido español. O seu
ideario social ou as súas discrepancias con outros galeguistas
(Bóveda, Castelao, Otero, etc....) durante toda a súa vida, mesmo a
súa amizade intima cun Blanco Amor que se confrontaba publicamente
co PG, non poden alegarse a favor dun abandono das posicións
nacionalistas. A actuación no Consello de Galiza (do que será o seu
animador logo da morte de Castelao) e, sobre todo, coa súa
participación en Galeusca, colócano fóra de calquera adhesión a
forzas españolas pois ningunha delas recoñecía estas entidades. É
mais, todas elas eran abertamente hostís. De feito, é a súa
lealdade a estas institucións e a súa fidelidade aos principios do
nacionalismo que o afastan dun galeguismo do interior que non só non
recoñecía ao Consello de Galiza senón que renunciaba a formulación
propiamente política do galeguismo como tal nacionalismo. A fenda
aberta por Piñeiro que abandonaba o nacionalismo para rematar no
PSOE non foi seguida por Suárez Picallo porque el non estaba
disposto a claudicar e subsumirse en alternativas españolas nas que
o noso pobo quedara invisibilizado e descalificado para acreditar en
si mesmo. Suárez Picallo coa súa actuación na Irmandade Galega, no
Congreso da Emigración, como responsábel de Relacións Exteriores
do Consello de Galiza, como activista cultural e social, até os seus
últimos días mantivo firme a súa lealdade a Terra. É de xustiza
que un país lembre a quen nunca o traizoou.
Publicado no Sermos Galiza, 116. AFONDO nº 81. 2 de outubro de 2004